• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Reunión coa Asociación Hostelería Compostela para estudar as bases da nova convocatoria de axudas ao sector

Data de escritura

O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, reuniuse hoxe cunha representación da Asociación Hostelería Compostela; encabezada pola súa presidenta, Sara Santos. No encontro estudáronse e valoráronse as bases da nova convocatoria de axudas destinadas ao sector, a terceira que pon en marcha o Concello de Santiago desde que comezou a crise sanitaria, hai agora un ano.

Sindo Guinarte sinalou que lle presentaron o borrador das bases "nas que estamos traballando" e a contía da citada convocatoria destinadas aos sectores de hostalería e turismo, que ascende, en principio, a 749.000 euros, pero que pode incrementarse notablemente se se engade parte dos remanentes

O concelleiro de Turismo explicou que a asociación considerou, "en principio, que as bases se axustaban ás súas pretensións", aínda que van estudalas máis polo miudo. A próxima semana está prevista unha nova reunión, segundo avanzou Guinarte, para ver de "integrar as súas achegas, no caso de que a asociación de hostalería considere conveniente" algunha modificación destas bases.

A previsión é aprobar as axudas a finais de marzo ou principios de abril en Xunta de Goberno. Prefiren, indicou Guinarte, "unha convocatoria o máis dotada posible de recursos, porque o sector está pasando por unha situación de grave debilidade, despois de tantos meses con actividade reducida ou sen actividade".

No encontro tamén estiveron presentes a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, o avogado Ramón García Seara, xerente de Hostelería Compostela; e a persoa responsable da tramitación das axudas por parte da asociación.