HACKatHOME: traballo en equipo para atopar solucións innovadoras a grandes retos
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación, organiza os vindeiros 27 a 30 de xuño o primeiro hackaton virtual para crear solucións innovadoras para adaptar o tecido empresarial galego á nova realidade.
Que retos queremos resolver?
O tecido empresarial galego definiu cinco retos para enfrontarse á nova realidade provocada pola aparición do coronavirus:
- Solucións “De baixo contacto”: Ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus.
- Repensando a venda ao público: Ideas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio.
- Teletraballo: Ideas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial.
- Unha industria máis local: Ideas para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta.
- Un novo concepto de “equipo”: Ideas para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.
Como imos conseguilo?
Os proxectos que se expoñan deben dar unha resposta innovadora e tecnolóxica a estes retos. Non existe ningún límite en canto a ideas ou utilización de tecnoloxías. Poden ser propostas de produtos físicos ou solucions TICs, con liberdade de uso de tecnoloxías xa parcialmente desenvolvidas. Haberá que converter esa idea nun prototipo mínimo viable durante catro xornadas intensivas de traballo. Os mellores prototipos terán a oportunidade de converterse en realidade co apoio das empresas e entidades colaboradoras.