Ampliación do prazo de presentación de solicitudes, de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresa
Tendo en conta que a situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promotores e viaxes de prospección, e afectou considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización dos organismos intermedios, impedindo en ocasións a súa realización e quedando noutras ocasións pospostos para datas futuras aínda incertas e dependentes da evolución internacional da pandemia. O que ten unha repercusión directa no desenvolvemento dos proxectos de internacionalización das empresas apoiados polo programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2020.
Amplíase ata o 17 de xullo de 2020 o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto terceiro da Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.
Fíxase no 15 de novembro de 2020 a data límite de execución dos proxectos, establecida no punto quinto da devandita resolución, para as solicitudes con accións para realizar ata esta data, e no 30 de novembro de 2021 para as solicitudes con accións para realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro do 2020 poderán ser imputadas ao 2021.