Axudas aos proxectos dos comercios retallistas galegos para contribuír á reactivación do comercio galego
Entidades beneficiarias:
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións: desenvolver a súa actividade en Galicia polo menos nun centro de traballo, tendo a condición de peme, conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empregar menos de dez (10) traballadores e non ter a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable; estar dadas de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo I das bases reguladoras; desenvolver a actividade comercial nun ou varios establecementos, que individualmente non superen unha superficie total de 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653 do IAE.
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto subvencionar aqueles proxectos que inclúan unha ou varias das seguintes actuacións:
- Medidas de protección dos empregados e clientes no establecemento comercial.
- A adaptación do establecemento comercial para reducir o contacto do cliente con elementos e superficies e evitar a súa contaminación.
- A adquisición de medios de protección e hixiene para comerciantes e clientes.
- A instalación de equipamentos de desinfección de superficies, ambientes e produtos.
- A contratación de servizos para reforzar a limpeza dos locais e realizar desinfeccións de forma periódica.
- A adquisición de equipamentos ou realización de obras que permitan a ventilación e renovación do aire do establecemento comercial.
- Cartelaría e puntos de informacións, físicos ou dixitais, sobre as medidas de prevención ante o COVID-19 implementadas no establecemento comercial.
- De xeito excepcional, outros que poidan contribuír a protexer a saúde dos comerciantes, empregados e clientes fronte ao COVID-19, o cal se motivará na resolución de concesión.
Conceptos subvencionables
Serán subvencionables os gastos e investimentos, realizados entre o 15 de marzo de 2020 e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión, necesarios para desenvolver as actividades descritas no artigo 1.2, que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Condicións dos proxectos
- Os proxectos subvencionables terán que incluír un conxunto de actuacións de entre as descritas no artigo 1.2, aliñadas coas recomendacións do autodiagnóstico efectuado coa ferramenta ComercioSeguroGalicia.
- O importe dos proxectos subvencionables estará comprendido entre 300 e 1.200 euros.
- En ningún caso o custo dos gastos e dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
Contía da axuda:
A contía da axuda será do 100 % dos conceptos subvencionables, cun límite máximo por solicitante de 1.200 euros.