Axudas á dixitalización das pemes galegas
Beneficiarios
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.
As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b) das bases.
Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.
As axudas ás pemes van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.
A subvención será do 30 % dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 20 % para as medianas.
A subvención será do 50 % dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 7.1.c), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.