III Edición do programa de aceleración e consolidación
A aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada pola Agrupación industrial Alimentaria de Galicia ( Clusaga), Business Factory Food ( BFFood) presentou o martes 20 de outubro a súa terceira edición nunha sesión online que contou coa participación de Fernando Guldrís, director do Igape. O obxectivo desta nova edición é identificar e promover ata un total de 16 proxectos innovadores de emprendemento, tanto nacionais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria.
As startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora poden presentar as súas candidaturas, tanto ao programa de aceleración como de consolidación, a través da web bffood. gal ata o próximo 11 de xaneiro de 2021 ás 14 horas.
BFFood impulsou ao longo das súas dúas edicións a un total de 20 proxectos das 121 candidaturas recibidas, tanto de España como do resto do continente. Nesta nova edición escollerá ata dez iniciativas para o seu programa de aceleración, de 9 meses de duración, e ata seis para o de consolidación, de 12 meses de duración.
Business Factory Food busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación, que son: dixitalización e automatización; trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria; loxística; sustentabilidade e packaging; desenvolvemento de novos produtos; e innovación de procesos e comercialización. Tamén, exponse un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora. Ademais, con motivo da situación xerada pola COVID-19, BFFood incorporou un reto especial co que busca proxectos dirixidos a fortalecer a resiliencia da industria alimentaria fronte a situacións de emerxencia derivadas de pandemias.
Os proxectos seleccionados na terceira edición de BFFood dispoñerán do apoio económico da Xunta de Galicia. En concreto, accederán a un financiamento por parte de Gain de 25.000€ a fondo perdido no programa de aceleración, para o desenvolvemento do produto ou servizo, e dun préstamo participativo, que podería conlevar unha opción de capitalización, de ata un máximo de 50.000€, a través de XesGalicia. No caso dos proxectos de consolidación, poderán acceder a un préstamo participativo que podería conlevar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000€ por parte de XesGalicia. Cada proxecto seleccionado contará cun mentor específico pertencente a unha das empresas tractoras de BFFood que se ocupará de conducir a súa evolución e guiarlles no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta terceira edición, son Adegas Martín Códax, Cafés Candeas, Calvo, Cravo Food Factory, Congalsa, Cooperativas Lácteas Unidas ( CLUN), Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, CAPSA FOOD ( Larsa), Nova Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez e Viña Costeira as empresas que se encargarán deste proceso de mentoring.
BFFood, que forma parte da plataforma StartIN Galicia apoiada pola administración pública autonómica, conta, ademais, co apoio das tres universidades galegas, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias ( AGACA), ANFACO CECOPESCA, o Instituto Tecnolóxico de Galicia ( ITG) e a Fundación Empresa-Universidade Galega ( FEUGA) no comité técnico. Palabras descoñecidas
Bases: https://bffood.gal/wp-content/uploads/2020/10/Bases_3Edicion_es.pdf
Inscricións : https://bffood.gal/envia-tu-propuesta-de-proyecto