EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2020 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego
Finalidade:
Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, establecidas pola Agadic para contribuír ao fomento da produción de obras audiovisuais galegas, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento CT207A).
Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano, dadas de alta cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano na epígrafe IAE 961.1 e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano, previamente a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.
Por produtor independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canle televisivo privada nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).
Cando a persoa xurídica sexa unha agrupación de interese económico (AIE), os requisitos citados deberán ser cumpridos por todas as empresas que a integran no momento da súa constitución. A agrupación non poderá disolverse ata que rematase o prazo de prescrición para o reintegro e as infraccións previsto polos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.