Extracto da R.do 22/12/2020 establecen bases das axudas para apoio ás actividades de información e promoción realizadas por grupos de productores no mercado interior cofinanciadas polo Feader exercicio 2021
Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e efectuar a convocatoria para o ano 2021 das axudas que, en réxime de concorrencia competitiva, vai conceder a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para actuacións de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada no marco do Programa de desenvolvemento rural para Galicia 2014-2020.
DOG Nº 15 do 25/01/2021
Para os efectos desta resolución, consideraranse agrupacións de produtores os consellos reguladores e as entidades asociativas sen ánimo de lucro en que participan produtores -entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación- implicados nalgún réxime de calidade diferenciada dos alimentos. No caso das ditas entidades asociativas, os seus asociados terán que ser maioritariamente produtores vinculados ao programa de calidade do que se trate e o obxecto social da entidade terá que incluír a realización de actividades relacionadas directamente coa información aos consumidores ou a promoción do produto de calidade a que se refira o programa.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as agrupacións que, baixo calquera fórmula xurídica, reúnan a produtores (entendidos como tales os titulares de explotacións agrarias ou de instalacións de transformación) que participen nun réxime de calidade susceptible de apoio pola submedida 3.10, para accións de promoción no mercado interior relacionadas con produtos cubertos por algún deses réximes.
Trátase de subvencións a fondo perdido que poden chegar ata o 70 % do gasto realizado. O orzamento total da convocatoria é de dous millóns cen mil euros (2.100.000 €) para a anualidade 2021 e un millón seiscentos mil euros (1.600.000 €) para a anualidade 2022.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index)