Extracto da Orde do 30/12/2020 establecen bases reguladoras dos premios de cooperación , convocatoria ano 2021
Os premios á cooperación teñen como finalidade fomentar e difundir o cooperativismo, os seus principios e valores, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas veñen realizando a prol do desenvolvemento do movemento cooperativo na Comunidade Autónoma galega.
( DOG Nº 20 do 01/02/2021
Entidades beneficiarias
Poden participar nos premios á cooperación as cooperativas galegas que realizasen un destacado labor no eido do cooperativismo.
Outorgaranse premios nas seguintes categorías:
– Premio aos valores cooperativos, á cooperativa galega que máis destacase no impulso dos valores e principios cooperativos.
– Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade igual ou menor a corenta e dous meses e que destacase nas súas achegas nos aspectos sociais, económicos, culturais ou ambientais.
– Premio á traxectoria cooperativa, á cooperativa galega que na data de publicación da convocatoria teña unha antigüidade maior de corenta e dous meses e que destacase pola súa traxectoria no ámbito económico e social.
Contía:
O orzamento total ascende a quince mil euros (15.000,00 €).
Outorgarase un premio de cinco mil euros (5.000,00 €) en cada unha das categorías.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de abril de 2021. Non obstante, se o período de presentación resultase inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 11 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans)