• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXENDA URBANA 2030 Evolución positiva do emprego en Santiago, cun mercado laboral diferenciado que presenta mellores indicadores que a media galega

Data de escritura

Na última xuntaza do Consello Económico e Social, celebrada esta semana e presidida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, deuse conta dos avances na Axenda Urbana 2030 e informouse sobre o comportamento do mercado laboral en Santiago, que segundo o investigador e profesor da USC, Melchor Fernández, presenta unha tendencia positiva en indicadores como reducción do desemprego, e dimunución das fendas de empregabilidade por idade e por sexo, onde tamén se está reducindo a brecha salarial entre homes e mulleres.

No encontro, Melchor Fernández Fernández, informou sobre os resultados do informe de situación do mercado laboral en Santiago. Destacou o feito diferencial do mercado de traballo. A carga poboacional diaria por traballo en Compostela supón entre un 7-10% da poboación censada (moi superior á carga por turismo ou por estudos); e é a maior das cidades galegas.

Santiago conta cun 64% máis de empregos que o seu número de residentes ocupados. Segundo os datos aportados, en xuño de 2022 había en Compostela 40.090 ocupados residentes; e 67.911 afiliados con cotización. Isto significa que cada día entran na cidade 27.821 traballadores procedentes doutros municipios; a maior parte deles de Ames, Brión e Teo. Estes datos tamén reflicten unha evolución positiva do emprego en Compostela, cun incremento de persoas afiliadas á Seguridade Social. O municipio pasou de case 39.000 persoas afiliadas en marzo de 2019 a máis de 40.000 en xuño de 2022.

A evolución tamén é favorable na franxa de idade maior de 60 anos, onde Compostela tamén presenta un comportamento mellor que a media galega. En 2015 representaban case un 8% da poboación e Galicia e un 9,8%, aproximadamente, en Santiago. En decembro de 2021, esa porcentaxe era do 10,4% na comunidade; e de, aproximadamente un 12,8% por cento en Compostela.

Outro indicador destacado por Melchor Fernández é o número de afiliados por xénero. En Santiago, a fenda tanto salarial como de emprego, está reducíndose. En setembro de 2022 había en Santiago, case 1000 homes empregados por cada parado (en decembro de 2021 eran 860). E case 800 mulleres afiliadas por cada desempregada (en decembro de 2021 eran unhas 740 aproximadamente). A media de Galicia era, en setembro pasado de 950 homes (uns 770 en decembro de 2021) e aproximadamente unhas 570 mulleres (sobre 540 en decembro de 2021).

En canto á evolución da poboación, as proxeccións a curto prazo, para o 2022-2037, segundo os datos aportados por Melchor Fernández publicados polo IGE, o Instituto Galego de Estatística, reflicten que en 2030 Galicia perderá algo máis de 4.000 residentes, mentras que a área de Santiago gañará máis de 6.000.

Axenda Urbana 2030
No encontro tamén se presentaron os avances da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. A codirectora executiva do proxecto, María Cadaval fixo un balance do anual do que destacou a aprobación, por unanimidade do documento propositivo, en xullo de 2022. Definíronse 39 liñas de acción coas súas correspondentes actuación, 10 obxectivos estatéxicos e 30 obxectivos especificos para implementar nesa Axenda Urbana.

Os obxectivos estratéxicos son: a ordenación do territorio e o uso racional do chan; a revitalización da cidade para evitar a dispersión; a prevención e redución dos impactos do cambio climático e a mellora da resiliencia; a xestión sustembable e a economía circular; favorecer a mobilidade limpa e a proximidade; fomentar a igualdade, a cohesión social e a equidade; impulsar e favorecer a economía urbana; garantir o acceso á vivenda; liderar e fomentar a innovación dixital; e mellorar os instrumentos de gobernanza.

Consello Económico e Social

O Consello Económico e Social é un órgano permanente de participación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:

- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago