SUBVENCIONS PARA A TRANSFORMACION DIXITAL E MODERNIZACION DO SECTOR COMERCIAL E ARTESANAL
Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación
ORDE do 23 de febreiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CO300C).
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal.
En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de decembro de 2022 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 20, pola incidencia que nos sectores do comercio e da artesanía teñen tanto o período de rebaixas de inverno como a campaña de Nadal, que son para moitos establecementos o momento idóneo para o lanzamento de novas propostas comerciais, en establecementos e a través da canle dixital.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, ou modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.
c) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: deberán constar expresamente (anexo V) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.
d) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante (situación de empresario individual) ou, se é o caso, acreditación de non estar inscrito como empresario.
e) Memoria que deberá incluír (anexo IX): – Unha descrición detallada e obxectivos do proxecto, indicando as distintas actuacións que recolla. – O grao de dixitalización existente na empresa no momento da solicitude e os obxectivos que se pretende acadar coa axuda: páxina web implantada, de ser o caso, ferramentas de márketing utilizadas e redes sociais dispoñibles. – A planificación temporal estimativa da realización das actuacións. – Desagregación das actuacións para as que se solicita a subvención, cun orzamento desagregado no que se detallen de forma separada os conceptos e custos obxecto da axuda. – Declaración responsable, debidamente asinada, de ter implantadas todas as actuacións do módulo I, no caso de solicitar as actuacións establecidas no módulo II. f) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto, nin se admitirán aqueles orzamentos que non estean desagregados polos conceptos das actuacións subvencionables. As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos ás ferramentas de posicionamento dixital deberán estar emitidas polos provedores que presten os referidos servizos ou, no seu caso, desglosar as actuacións, o custo e os fitos/obxectivos que hai que cumprir. As facturas, facturas pro forma ou orzamentos referidos á loxística e-commerce ou xestión de redes sociais deberán indicar o período en que efectivamente se presta o servizo. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de persoas ou entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección dos provedores cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
g) Para os efectos sinalados no artigo 11 destas bases, achegarase, de ser o caso, a seguinte documentación acreditativa, que en ningún caso será obxecto de requirimento: Declaración responsable, debidamente asinada, sobre o cumprimento dos criterios de valoración establecidos na letra d) do artigo 11 coa identificación da empresa provedora, ano da contratación e importe aboado no caso de contratación con provedores de empresas de inserción social ou, de ser o caso, indicación do número de persoas e grao de discapacidade por ter no cadro de persoal persoas empregadas con capacidades diferentes ou, de ser o caso, a descrición das medidas implantadas de xestión de residuos e o contrato celebrado coa empresa encargada da súa recollida. No caso de implantación de economía verde ou economía circular, documentación que acredite fidedignamente as actuacións desenvolvidas. No caso de ser obxecto dunha remuda xeracional nos últimos cinco anos, declaración responsable do traspaso do negocio. Para os efectos desta orde, entenderase que existe remuda xeracional en caso de sociedades cando se produza a correspondente modificación da escritura; en caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas sen personalidade xurídica, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, cando se modifique a acta, escritura ou documento de constitución ou os estatutos; e en caso de autónomos, cando se produza a alta e baixa no réxime de autónomos da persoa que toma a remuda e da persoa remudada.
As persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas.
Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma, que non teñan a consideración de gran establecemento comercial segundo a normativa aplicable e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea no Regulamento da Unión Europea 651/2014 (DOUE 187, do 26 de xuño de 2014), teñan un número de empregados/as igual ou inferior a vinte (20), incluídas as persoas en situación de autoemprego.
c) Que estean dados de alta nalgunhas das epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III e que esta constitúa a actividade para a que vai dirixida a subvención.
No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
No suposto de que nun mesmo establecemento comercial se realicen actividades comerciais subvencionables con outras actividades comerciais ou servizos non subvencionables, o solicitante deberá acreditar fidedignamente que a actividade principal está incluída nas epígrafes do IAE que se relacionan no anexo II e III. En todo caso, a actividade principal do establecemento deberá realizarse de forma notoria e inequívoca.
d)Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata o último día do prazo de presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.