• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

SUBVENCIONS AO SECTOR TURISTICO PARA A PROMOCION DA DIXITALIZACION

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ao sector turístico para a promoción da dixitalización, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TU503C).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

Datos de interese:

Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a persoa solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2023 (en ningún caso se admitirán facturas nin xustificantes de pagamento que non estean comprendidos entre esas datas) con respecto aos conceptos seguintes:

 

Gastos derivados da transformación dixital.

a) Instalación de novos PMS (property management system) e ERP (enterprise resource planning) e integración de PMS e ERP actuais.

b) Instalación de novos CRM (customer relationship management), tanto integrados con PMS como non integrados.

c) Instalación dun channel manager.

d) Instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos.

e) Implementación de motores de reserva.

f) Incorporación de sistemas e metodoloxías para reforzar a seguridade dos datos.

g) Utilización de tecnoloxías disruptivas na realización da actividade da empresa: blockchain, realidade virtual ou aumentada, big data e análises-explotación de datos, sensorización e comunicación entre máquinas, intelixencia artificial

 

Gastos de equipamento tecnolóxico necesarios para os indicados no punto anterior. En todo caso, queda excluída a telefonía. Estes gastos de equipamento tecnolóxico asociados aos indicados no punto anterior  non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

 

Gastos de aloxamento ou servizos na nube necesarios para os gastos indicados no punto primeiro.

 

Gastos derivados da creación do produto e /ou comercialización do destino Galicia.

a) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.

b) Gastos derivados dos custos da pertenza a grupos de compra e/ou xestión do uso de ferramentas para a creación do produto turístico e/ou de comercialización do destino Galicia

 

O importe da subvención será do 80 % do investimento subvencionable. O investimento máximo subvencionable será de ata 15.000,00 euros por persoa beneficiaria, polo que a axuda máxima será de 12.000,00 euros.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.

b) Memoria explicativa en que se defina de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver.

c) Orzamento desagregado por partidas dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

d) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de empresas de aloxamento turístico, de restauración e de axencias de viaxes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia. En concreto, son actuacións subvencionables as que realicen calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

c) As axencias de viaxes que se enmarquen dentro do artigo 83 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Requisitos

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

Así mesmo, as persoas beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas, en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.