SUBVENCIONS EMPRENDEMENTO PLUS
Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade
ORDE do 13 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Emprendemento Plus para apoiar o investimento e a creación de emprego co obxectivo de fortalecer e consolidar iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (apoio ao investimento) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para as anualidades 2023-2024 (código de procedemento TR880B).
Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións Emprendemento Plus para iniciativas de emprendemento de persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, que na data de presentación de solicitude de axuda non teñan máis de 42 meses de antigüidade desde a data de constitución ou alta, así como a data de inicio da súa actividade económica, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2023 (código de procedemento TR880B), a través dos seguintes programas de axudas:
a) Programa I. Emprendemento Plus Investimento. Este programa ten por obxecto apoiar a continuidade e a consolidación de iniciativas de emprendemento de persoas autónomas e pemes que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, mediante o apoio de investimentos realizados nas iniciativas obxecto da axuda, tal e como se describe no artigo 25 da convocatoria.
Outra información:
b) Programa II. Emprendemento Plus Emprego. Este programa ten por obxecto o fomento e a consolidación do emprego por parte de autónomos e pequenas empresas de nova creación (máx. 42 meses) para promover a contratación de persoas desempregadas. A finalidade deste programa é xerar emprego estable para persoas desempregadas, mediante unhas liñas de incentivos á contratación por conta allea, cuxas particularidades se recollen no artigo 27, e que inclúe dúas modalidades de axudas:
-Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.
-Incentivos á contratación de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa.
Programa 1: Emprendemento Plus Investimento. Conceptos subvencionables: Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable á iniciativa de emprendemento, que se clasifican en custos directos, determinados con base no seu custo real, e custos indirectos, determinados mediante un método de custo simplificado consistente nun tipo fixo dos permitidos no artigo 54 RDC; en concreto:
Equipamento informático; Activos intanxibles; Adquisición de bens de equipamento e mobiliario; Reforma e habilitación das instalacións do local do negocio; Adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man; Custos indirectos do proxecto, que se fixan nun tipo fixo do 3 % sobre os custos directos subvencionables indicados anteriormente, ao abeiro do disposto no artigo 54.a) RDC.
A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado, tendo en conta que o investimento mínimo admisible será de 10.000 euros:
-60% para investimentos entre 10.000 e 30.000 euros.
-55% para investimentos entre 30.001 e 50.000 euros.
-50% para investimentos entre 50.001 e 100.000 euros.
-45% para investimentos entre 100.001 e 200.000 euros.
Programa 2. Emprendemento Plus Emprego. Conceptos subvencionables: Para que as contratacións sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:
a) Que o contrato se realice cunha persoa desempregada.
b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable para este programa II de apoio ao emprego, que comprende, neste caso, desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024.
Contía dos incentivos: As axudas terán os seguintes incentivos:
a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas: incentivo de 6.000 €.
b) As contratacións de fixos descontinuos, para contratos de duración dun mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 6.000 €.
Estes dous programas (investimento e emprego) obxecto da convocatoria, son compatibles entre si, pero para optar ao Programa II Emprendemento Plus Emprego será necesario solicitar a axuda ao investimento establecida no Programa I Emprendemento Plus Investimento.
Para poder optar ao Programa I: Investimento non é necesario solicitar o Programa II de Emprego.
A finalidade, polo tanto, é apoiar o fortalecemento e consolidación de iniciativas de emprendemento que teñan unha antigüidade máxima de 42 meses, para impulsar a creación de emprego mediante axudas á consolidación de actividades económicas viables, que deben contribuír á diversificación económica, crecemento de emprego, sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais. En concreto, iniciativas de emprendemento destinadas ás seguintes actividades:
1. Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. 2. Transformación e/ou comercialización de produtos.
3. Prestación de servizos a empresas en calquera sector (agricultura, silvicultura, sector industrial e de servizos…).
4. Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…).
5. Actividades de ocio, recreativas, deportivas.
6. Artesanía e actividades artesanais.
7. Actividades baseadas nas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.
8. Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, contabilidade, veterinaria e formación.
9. Comercio polo miúdo de produtos.
10. Sector hostalaría: exclusivamente dirixido á creación de novos hoteis e restaurantes situados en construcións patrimoniais singulares (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) que fagan uso do produto de proximidade co obxectivo de desenvolver propostas de valor arredor de recursos naturais, patrimoniais, culturais e turísticos.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), en que debe figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.
b) Comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
c) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.
d) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiras, se é o caso.
e) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que deban ter solicitado, de acordo co establecido nestas bases reguladoras. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben e importe igual ou superior a 40.000 € no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as persoas interesadas deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos investimentos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presenten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente no anexo de solicitude cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 25.1.5. in fine desta orde.
f) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio «Do no significant harm» – DNSH), segundo o anexo II «Modelo de declaración responsable do cumprimento do principio de non causar prexuízo significativo ao medio ambiente (Principio «Do no significant harm»-DNSH)».
g) Informe do cadro de persoal medio anual emitido pola Seguridade Social, do ano 2022.
h) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou Rexistro de Cooperativas, de ser o caso.
i) Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade xurídica, documento cos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarias.
j) Certificado acreditativo do grao de discapacidade da persoa contratada, expedido por outra comunidade autónoma.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, as sociedades mercantís, as sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción, centros especiais de emprego, así como entidades sen personalidade xurídica tales como comunidades de bens, sociedades civís, etc., sempre que cumpran a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).
Para seren beneficiarias deberán cumprirse os dous requisitos seguintes: a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade que se trate, con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.
b) Que iniciasen a súa actividade económica con 42 meses de antigüidade como máximo ata a data de presentación da solicitude.
As persoas interesadas e as iniciativas de emprendemento deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e/ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia e ter efectuado a comunicación previa do inicio da actividade ou da apertura do establecemento segundo o previsto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
d) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.
e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.
g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
h) Estar de alta no imposto de actividades económicas.
i) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo a alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, modelo 036 ou 037).