SUBVENCIONS PARA A PARTICIPACION DE PERSOAS CREADORAS GALEGAS EN RESIDENCIAS LITERARIAS FORA DE GALICIA
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional, e Universidades
ORDE do 12 de xullo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a participación de persoas creadoras galegas en residencias literarias fóra de Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT215D).
As estadías terán como finalidade que as persoas creadoras realicen a tradución das súas obras, que a súa estadía sexa necesaria para o proceso de investigación previo á creación da obra obxecto da residencia ou que precisen dun espazo e ambiente de traballo que lle permita continuar co desenvolvemento dun proxecto xa iniciado.
Para os efectos desta orde, considéranse persoas creadoras as definidas polo artigo 5.1 da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e a lectura de Galicia: as que interveñen no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro.
Obxectivos específicos:
– Difundir e potenciar o desenvolvemento do sector cultural galego, visibilizando a riqueza e a calidade dos profesionais da creación literaria galegos.
– Facilitarlle espazos adecuados de traballo en institucións para apoiar o desenvolvemento dos seus proxectos, a formación ou o acceso a novos coñecementos.
– Impulsar as relacións entre institucións e profesionais do sector.
– Ampliar a novos territorios e públicos a actividade cultural galega establecendo pontes con outros profesionais e institucións de fóra de Galicia.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe en nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Proxecto de creación segundo o estipulado no artigo 7.2.
c) Documentación, debidamente formalizada, acreditativa da aceptación de participación na residencia para cuxa estadía solicita a subvención.
d) Documentación, debidamente formalizada, acreditativa do compromiso de edición da obra resultante do proxecto presentado por parte dunha editora legalmente constituída (contrato de edición ou calquera outro documento acreditativo)
Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas, autónomas ou non, a que se refire o artigo 1 da presente orde:
Persoas físicas, sexan autónomas ou non, que interveñan no proceso de creación do libro nos correspondentes labores de escritura, tradución, deseño gráfico e ilustración do libro que acrediten esta condición e que desenvolvan o seu traballo no ámbito da Comunidade Autónoma galega.
As persoas solicitantes deben estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para acceder ás subvencións previstas nesta convocatoria as persoas beneficiarias deberán estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de axudas públicas.
Persoas excluídas:
a) Non poden beneficiarse das subvencións recollidas nesta orde aquelas persoas solicitantes que se encontren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas persoas que se encontren sancionadas administrativa ou penalmente coa perda da posibilidade de obtención de subvencións públicas, ou incorran en algunha prohibición legal que as inhabilite para iso, con inclusión das que se produzan por discriminación de sexo, de conformidade co disposto na disposición derradeira sexta da Lei 4/2005, do 18 de febreiro, para a igualdade de mulleres e homes.
Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán cumprir os restantes requisitos establecidos pola Lei de subvencións de Galicia.