SUBVENCIONS PARA ACTUACIONS DE EFICIENCIA ENERXETICA EN EMPRESAS TURISTICAS
Axencia de Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 5 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, incluídas no Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU986B).
O obxecto é a realización de actuacións de eficiencia enerxética que impulsen a economía circular en empresas turísticas
A. Mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, co obxectivo de reducir a demanda enerxética en calefacción e climatización dos edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a mellora da eficiencia enerxética da súa envolvente térmica no seu conxunto ou nalgún dos elementos que a compoñen.
B. Mellora da eficiencia enerxética e de enerxías renovables nas instalacións térmicas, reguladas polo Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE).
C. Instalacións fotovoltaicas para autoconsumo, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía convencional en edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico, mediante o uso da enerxía solar fotovoltaica para a produción de electricidade de orixe renovable, incluídas as instalacións de almacenamento de enerxía.
D. Mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación, co obxectivo de reducir o consumo de enerxía das instalacións de iluminación de edificios completos, locais ou partes do edificio destinado a establecemento turístico.
E. Renovación de electrodomésticos, co obxectivo de reducir o consumo eléctrico debido aos electrodomésticos e armarios de conservación profesionais utilizados nos inmobles de uso turístico.
F. Sistemas de automatización e control, co obxectivo de reducir o consumo enerxético do edificio completo, local ou parte do edificio destinado a establecemento turístico, mediante a instalación e xestión dun sistema de automatización e control global das instalacións consumidoras e/ou produtoras de enerxía, así como outras actuacións nos equipamentos dos subsistemas de xeración, distribución, regulación e emisión.
As persoas interesadas deberán presentar, coa solicitude, a seguinte documentación, segundo o modelo do anexo II:
a) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
b) Documentación acreditativa da representación da persoa ou entidade que actúe no nome da persoa ou entidade solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos
c) Escritura pública, certificado ou nota simple rexistral ou calquera outro documento que acredite a titularidade do inmoble. No caso de que o/a solicitante da actuación non sexa o/a propietario/a, deberase achegar adicionalmente a documentación ou contrato que acredite a facultade expresa para poder executar as obras correspondentes á actuación obxecto de axuda (contrato de arrendamento, de explotación, etc.).
d) Proxecto da actuación que se vai realizar ou, se é o caso, memoria técnica da actuación, que deberán estar subscritos por unha persoa técnica titulada competente. A documentación mínima desta memoria será descrición e xustificación do cumprimento dos requisitos, orzamento desagregado e planos que definan completamente a actuación.
e) Certificado da eficiencia enerxética de partida do edificio, inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (RGEEE), e o que se prevé alcanzar coas melloras propostas e coas actuacións específicas para as que se solicita a axuda, segundo o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, asinados por un/unha técnico/a competente. Con estes certificados achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración. O certificado enerxético do edificio mellorado e o certificado do edificio actual deben achegarse elaborados coa mesma versión e programa recoñecido de certificación, de xeito que os datos sexan comparables. O certificado mellorado incluirá todas as actuacións incluídas na solicitude de axuda.
f) Orzamento/s da empresa ou empresas que realizarán a execución das actuacións, suficientemente desagregado/s.
g) Documento ou oferta vinculante contractual formalizados coa empresa ou profesional correspondente para a xestión técnica, administrativa e documental da solicitude, de ser o caso.
h) Reportaxe fotográfica, preferentemente en cor, do estado actual da edificación en que se van levar a cabo as actuacións subvencionables e/ou dos equipamentos e sistemas sobre os que se vai actuar.
i) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.
j) Aceptación de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).
k) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que estean dadas de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria e que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:
a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. 4. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 24 destas bases.