• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PREMIOS ARTESANIA DE GALICIA

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se acorda publicar as bases reguladoras dos premios de Artesanía de Galicia e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN200A).

Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios de Artesanía de Galicia como un recoñecemento á mellora continua no labor dos profesionais do sector artesán galego e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.

Os premios de Artesanía de Galicia constan das seguintes modalidades:

a) Premio Artesanía de Galicia 2024.

b) Premio Traxectoria 2024.

c) Premio Bolsas Eloy Gesto 2024.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar co anexo II de solicitude a seguinte documentación:

 

Premio Artesanía de Galicia 2024.

A) Presentación da peza orixinal e, no caso de que non poida ser presentada por cuestións de volume, peso ou localización, exixirase unha maqueta cuxo volume non exceda o metro cúbico e os 40 quilogramos de peso, xunto con material fotográfico do orixinal.

B) Sobre pechado A, en que figurará o título da proposta e que conterá en papel a seguinte documentación:

     a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que, de ser o caso, leve a sinatura e o selo da empresa.

     b) Currículo do obradoiro artesanal.

     c) Declaración asinada de que a peza presentada é autoría e propiedade da persoa solicitante e non foi presentada a outros concursos nin publicada con anterioridade en ningún tipo de soporte (redes sociais, web, publicacións e outros).

No caso de que a peza presentada sexa resultado dunha colaboración de varios obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía, o sobre deberá conter a documentación sinalada anteriormente cuberta por cada un dos participantes na elaboración da peza.

C) Sobre pechado B, en que figurará o título da proposta e conterá en soporte dixital a seguinte documentación:

     a) Ficha técnica do proxecto que inclúa nome ou título da obra, peso, medidas, técnica utilizada, materiais empregados e ano de elaboración.

     b) Mínimo de 5 imaxes da obra presentada en formato jpg en alta calidade.

     c) Memoria descritiva do proceso produtivo e memoria conceptual en que se indique a intencionalidade da peza, as fontes de inspiración e calquera outro dato que axude á comprensión e ao bo entendemento da obra.

Premio Traxectoria 2024.

a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que leve a sinatura da persoa representante e o selo do obradoiro, asociación profesional ou entidade pública ou privada que realiza a proposta.

b) Memoria de presentación en que se sinalen as razóns polas cales se propón ao premio.

c) Currículo da persoa candidata.

d) Un mínimo de 15 imaxes en formato jpg, das cales un mínimo 5 serán de pezas rematadas e un mínimo de 5 da persoa candidata ao premio.

Premio Bolsas Eloy Gesto 2024.

a) Anexo II. Solicitude. É obrigatorio que leve a sinatura e o selo da empresa, de ser o caso.

b) Currículo da persoa artesá ou do obradoiro artesanal.

c) Memoria descritiva que inclúa o traballo principal da persoa candidata no eido da artesanía, programa ou principais contidos da formación que desexa adquirir a través da bolsa de formación, información principal do centro de formación ou obradoiro de artesanía para o cal solicita a bolsa e unha proposta razoada pola que considera que a súa candidatura debe ser elixida como gañadora nesta categoría.

d) Será preciso achegar un mínimo de 10 imaxes de produto en formato jpg.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Persoas e obradoiros artesáns con recoñecida traxectoria profesional e que están ou estiveron inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, segundo o premio a que opten.

Requisitos

Premio Artesanía de Galicia 2024. Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cuxo titular sexa unha persoa artesá, de acordo coa Lei 8/2023, do 14 de decembro, de artesanía de Galicia.

Premio Traxectoria 2024. Artesáns/ás en activo ou retirados que están ou estiveron inscritos como tales no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. Os encargados de facer a presentación das candidaturas desta categoría serán os obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, as asociacións profesionais de artesáns e artesás de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas. Estas propostas serán sempre realizadas por terceiros, é dicir, ningún obradoiro poderá realizar a proposta do titular ou dun traballador do propio obradoiro.

Premio Bolsas Eloy Gesto 2024. Obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cuxo titular sexa unha persoa artesá cunha idade máxima de 45 anos en 2024.