• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Proxecto Persoa IV

120 persoas, divididas en dúas quendas de 60, participan no programa de inserción laboral Proxecto Persoa IV.  Neste momento estase desenvolvendo a segunda quenda. Na primeira, que rematou a finais de 2009, acadouse unha porcentaxe de inserción laboral do 45%.

O Proxecto Persoa IV é un proxecto experimental de emprego, que focaliza a súa atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as. Ademais de traballar a inserción laboral incide na cobertura de servizos sociais fundamentais, formando ao alumnado nun sector considerado como un novo filón de emprego: o sector dos servizos ás persoas.

Promocionando este tipo de políticas, cúbrese unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar. En concreto, afrontase a cobertura de funcións ata agora asumidas polas familias, sobre todo polas mulleres, como é o coidado de persoas dependentes (maiores, menores, persoas discapacitadas, etc). Isto supón un lastre para o/a coidador/a, que con este programa, ademais de formarse profesionalmente, ve recoñecida e valorada socialmente a súa labor.

O Persoa IV conta cun orzamento de 720.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Integrado no Pacto polo Emprego de Santiago de Compostela, esta dirixido a persoas desempregadas, sobre todo persoas menores de 30 anos e maiores de 45, desempregadas/os de longa duración e mulleres que abandonaron o mercado laboral e queren reinserirse.

A inserción social das persoas participantes realízase a través de Itinerarios integrados de inserción sociolaboral. Este proceso de orientación sociolaboral guiado por medio de titorías inclúe formación ocupacional experimental, formación en habilidades sociais básicas para a busca de emprego, prácticas en empresas, alfabetización informática, sensibilización ambiental, igualdade de xénero, acompañamento para a inserción con prácticas en empresas, e apoio á colocación.

 Obxectivos:

  1. Promover e desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral, utilizando un sistema de orientación profesional personalizado.
  2. Incrementar o volume de servizos persoais a menores, maiores, persoas discapacitadas e coidadores/as para mellorar a cualificación dos profesionais do sector dos servizos persoais en Santiago de Compostela.

  3. Programar un itinerario de inserción profesional adecuado e favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade.

Caracteristicas

Nome: Proxecto Persoa IV
Duración: ata finais de 2.010
Persoas participantes: 120, divididas en dúas quendas de 60 persoas cada unha.
Especialidades que se impartirán: 8
Horas lectivas: 5.385

Segunda quenda

A segunda quenda, na que se imparten as especialidades de Atención temperá e estimulación precoz, Auxiliar de axuda a domicilio, Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio, e Especialista en asistencia persoal, comezou en xaneiro de 2010 e está previsto que finalice a finais de ano.

Primeira quenda

Ds 60 persoas que participaron na primeira quenda, 41 mulleres (68,3%) e 19 homes (31,6%), formáronse en catro especialidades, de 15 alumnas/os cada unha. Son: Especialista no coidado e atención a persoas maiores e discapacitadas, Dirección e xestión de centros e servizos de atención a maiores, Especialistas en mediación familiar e socioeducativa na resolución de conflitos, e Reparación, mantemento e adaptación de edificios e vivendas para maiores e dependentes. En agosto rematou a fase de prácticas, e en setembro comezou a de inserción laboral. 50 persoas realizaron prácticas en 33 entidades e empresas. Das 60 persoas que participaron na primeira quenda, o 45% accederon ao mercado laboral a través de contratos de diferente duración. 

228 persoas presentaron a solicitude para participar na primeira quenda do Persoa IV, que dura ata novembro de 2009. Das 179 inscricións, o 78,5% eran de mulleres, e 49 de homes, o que representa o 21,5%.

Periodo de actuación
Este programa levouse a cabo no periodo 2005-2017