• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Concurso de Artesanía

O Concello de Santiago convocou os Premios do Comercio Compostelán co afán de recoñecer o traballo e o esforzo dos pequenos comerciantes da cidade, destacando o seu papel tanto a nivel social coma no económico.

Así mesmo, convócase un concurso entre os artesáns composteláns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta de Galicia, para a creación das pezas que se entregarán como premio aos comerciantes.

BASES PREMIOS ARTESANÍA

O obxecto do concurso é a creación dunha peza inédita que será empregada como peza conmemorativa no acto de entrega dos “Premios do Comercio Compostelán 2012” o día 19 de abril de 2012 no Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela.

Poderán participar todos os obradoiros artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia. Cada participante poderá presentar ata un máximo de dous deseños.

O tema é libre así como as técnicas, materiais ou estilos empregados na obra. No caso de utilizar imaxes, elementos ou obras doutros autores, o participante será o responsable único de calquera incidente que por estes motivos  se puidera producir.

Para participar achegarase cuberto o boletín de inscrición dispoñible na páxina web do Concello de Santiago www.santiagodecompostela.org.
As inscricións confirmaranse por correo electrónico cun acuse de recibo. En caso de non recibir confirmación de entrega no prazo de 24 horas contacte directamente coa organización no teléfono de información 881 168283.

A data límite para inscribirse é o 16 de marzo de 2012.

Os traballos, ou bosquexos dos mesmos, poderanse presentar de forma dixital (en formato PDF)  no enderezo de correo comercio@santiagodecompostela.org, mostrando as diferentes vistas da peza e indicando no asunto “Concurso Peza de Artesanía”.
Os participantes que prefiran presentar unha maqueta física poden facelo no Edificio CERSIA Empresa (Avda. do Alcalde Raimundo López Pol s/n. San Lázaro. Santiago de Compostela).
En todos os casos, deberán achegar ao traballo os datos de contacto (nome e apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico e DNI) así como un informe técnico coas características principais do deseño (dimensións, materiais…), así como nome atribuído á peza.

A data límite para achegar os distintos traballos ou bosquexos é o 26 de marzo de 2012.

O xurado estará formado por un representante do Concello de Santiago, un representante da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e representantes das asociacións de comerciantes da cidade. E Valorarase:
-Aquela obra que represente de forma máis fiel a esencia do premio.
-Calidade da execución técnica da obra e o seu rematado.
-Claridade na presentación da proposta.

A resolución do xurado comunicarase ao gañador nos tres días seguintes á data final de entrega de bosquexos. Será notificado vía telefónica e mediante carta postal certificada. Publicarase á súa vez na páxina web www.santiagodecompostela.org.

10º O premio estará dotado de 1.000 euros (impostos engadidos). O gañador terá que entregar ao Concello de Santiago 6 pezas iguais do deseño premiado coas súas correspondes embalaxes. A data límite para a entrega ao Concello de Santiago das 6 pezas será o día 16 de abril ás 15 horas no Edificio CERSIA Empresa.

11º O mero feito de ser candidato implica a conformidade coas presentes bases. O xurado resérvase o dereito a deixar deserto o premio, así como a rexeitar calquera peza que non se axuste a estas regras. As súas decisións serán inapelables.