• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS Á APICULTURA

Consellería do Medio Rural

ORDE do 24 de marzo de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas á apicultura e se convocan para o período estendido (do 1 de agosto ao 31 de decembro de 2022) do Programa nacional apícola 2020- 2022 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o período estendido (do 1 de agosto ao 31 de decembro de 2022) do Programa nacional apícola 2020-2022 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).

Documentación requerida

As persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, integradas ou non nunha entidade apícola, que presenten solicitudes individuais, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para facer a solicitude no caso de representación, nos termos exixidos no artigo 5 da Lei 39/2015.

b) Declaración responsable do persoal veterinario sobre o programa de loita contra a varroose, para as liñas de axuda B1 e B2. Consistirá nun compromiso de elaboración e execución do dito programa.

c) Programa de actuación que pretende desenvolver para cada unha das liñas solicitadas: memoria onde figuren os datos da persoa apicultora, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade destes, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos, desagregado para todas e cada unha das liñas para as que se solicita axuda.

d) Documentación relativa ás ofertas achegadas e xustificación de non vinculación entre as empresas invitadas a ofertar.

e) Dispoñibilidade dos terreos para a realización da transhumancia, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos (autorización das obras e dispoñibilidade dos terreos), de ser o caso.

f) Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), de ser o caso. g) Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, se é o caso.

h) Copia da póliza do seguro de responsabilidade civil das colmeas en vigor e xustificante bancario do seu pagamento.

i) Documentación que acredite, de ser o caso, o cumprimento dos criterios sinalados nos puntos b), f) e g) do artigo 9.2 desta orde:

– Certificación da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia que acredite que o solicitante pertence a esta en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia que acredite que o solicitante pertence a el en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

– Certificación da cooperativa apícola que acredite que o solicitante é socio dela en data do 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias. Ademais, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas, agrupacións de defensa sanitaria e asociacións de apicultores, con personalidade xurídica propia, na medida en que os seus integrantes cumpran os requisitos establecidos no punto 2, Entidades apícolas.

Requisitos

Para acollerse ás axudas, as persoas apicultoras, a título individual ou como integrantes dunha entidade apícola, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Seren titulares, con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2022, dunha explotación apícola inscrita no Rexistro Galego de Explotacións Apícolas (Regeap), fóra daquelas persoas que adquirisen a titularidade con posterioridade por falecemento, xubilación ou incapacidade laboral da anterior titular e sexan parentes desta en, como máximo, cuarto grao. Así mesmo, exceptúanse do devandito requisito os supostos de forza maior. b) Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.

c) Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

d) Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas. e) Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002.

f) Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2021 antes do día 1 de marzo de 2022.

g) Teren realizada a validación anual do libro de rexistro de explotación apícola (CEAT) con resultado favorable antes do 1 de marzo de 2022, segundo o recollido no artigo 7, punto 2, do Real decreto 209/2002 e no artigo 6 do Decreto 339/2009, do 11 de xuño, sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

No caso das entidades apícolas, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.