A Xunta de Goberno Local aproba as bases da convocatoria de subvencións destinadas ás asociacións veciñais

Data de escritura

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe as bases da convocatoria de subvencións dirixidas ás asociacións veciñais de Santiago de Compostela, para o desenvolvemento de programas e actividades de interese xeral. Estas axudas contan cun orzamento de 100.000 euros, ampliable, segundo explicou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa, ata os 150.000 euros.

Xunta de Goberno Local

Poden acollerse a esta convocatoria todas as asociacións veciñais do municipio que figuren inscritas no "Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Santiago con anterioridade á publicación no BOP desta convocatoria, teñan os seus datos actualizados e estean ao corrente das súas obrigas tributarias.

Segundo as bases, serán subvencionables os gastos correntes necesarios para o desenvolvemento de actividades de interese xeral para a cidadanía, que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e o 7 de outubro de 2022. Gastos como a prestación de servizos de información, asesoramento, comunicación e divulgacion; de formación e ocio; de participación da cidadanía e apoio a outros colectivos do barrio (debates, asembleas, encontros); así como actividades sociais e outros gastos de funcionamento da entidade (administración, asesoramento, material derivado da covid, prensa, etc.).

Valorarase con ata tres puntos, o interese xeral da actividade ou programa para a veciñanza, a participación, a continuidade do mesmo, ou que se trate de actuacións dirixidas a colectivos desfavorecidos ou con especiais dificultades de inserción social. Valorarase con ata 2 puntos, o número de persoas asociadas á entidade, e con ata un punto, a orixinalidade e carácter innovador do programa ou actividade, a incidencia na promoción da igualdade, a realización en coalboración co Concello e a calidade e deseño da publicidade (folletos, carteis, dípticos…)

A contía máxima que se concederá a cada solicitude virá limitada pola puntuación que acade a entidade. O importe subvecionable será, como máximo, o 80% do orzamento de gastos que se detalle no formulario da solicitude, cun máximo subvencionable de 3.000 euros, ou 5.100 euros naqueles casos de entidades veciñais propietarias de equipamentos socioculturais.

A presentación de solicitudes, que estarán dispoñibles na sede electrónica da web do Concello de Santiago, será de 15 días hábiles a contar desde o seguinte a publicación destas bases no BOP. As asociacións interesadas poderán presentar a solicitude debidamente cuberta que se recolle no modelo das bases na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela; ou ben a través dos rexistros eelectrónicos contemplados na Lei 39/2015 de 1 de outubro. Poderanse entregar xustificantes de pago con datas comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 7 de outubro de 2022.