• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PROGRAMA DE ADQUISICION DE COMPETENCIAS PROFESIONAIS  EN MATERIA DE INTERNACIONALIZACION EMPRESARIAL

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2022 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

O obxectivo destas bases é formar especialistas no ámbito da internacionalización empresarial mediante bolsas de formación práctica en internacionalización, con destino en organismos de promoción económica, centros de investigación e/ou empresas en Galicia e no estranxeiro en labores de investigación de mercados, estudo de empresas e a súa planificación para internacionalización.

Convócanse 37 prazas, 25 para estranxeiro e 12 para Galicia, para a capacitación de profesionais en materia de internacionalización empresarial mediante formación práctica, coa finalidade de mellorar a empregabilidade e poñer á disposición das empresas galegas profesionais que lles axuden a mellorar a súa competitividade.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación (no caso de que estea redactada nunha lingua non oficial en Galicia, deberase presentar acompañada de tradución realizada por un intérprete xurado):

  1. Acreditación dos requisitos mínimos segundo o expresado no artigo 4 destas bases.

1º. Currículo.

2º. Copia do pasaporte no caso de que o solicitante sexa estranxeiro e non teña o número de identificación de estranxería (NIE).

3º. Xustificante de ter pagadas as taxas para a obtención do título de estudos universitarios acadado segundo o expresado no artigo 4.3, na falta de título. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados, será preciso que os acrediten cunha copia da homologación concedida polo Ministerio de Educación español (isto non se require para os títulos de máster). A formación deberá estar finalizada antes da fin do prazo de presentación da solicitude, salvo o disposto na alínea b) seguinte.

  1. Acreditación dos requisitos baremables segundo o expresado no artigo 12.2 destas bases:

1º. Acreditación, se é o caso, da formación específica de posgrao en comercio exterior segundo o expresado no artigo 12.2.f): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude, agás os másters citados no artigo 12.2.f), que poderán estar finalizados ata o 30 de xullo de 2022 e deberán estar incluídos na solicitude no prazo de 7 días contado desde esa data.

2º. Acreditación, se é o caso, doutra formación de posgrao segundo o expresado no artigo 12.2.g): copia do certificado de realización dun curso completo en que conste o número de horas ou créditos do curso. O curso deberá estar finalizado antes da data de presentación da solicitude.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Persoas que cumpran os requisitos especificados no apartado de requisitos

Requisitos

1. Ter nacido a partir do 1 de xaneiro de 1995.

2. Posuír a nacionalidade española e ser nacidas en Galicia, ser nacidas en Galicia e estar nacionalizadas nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroadas nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade á data de publicación destas bases.

3. Estar en posesión dalgunha titulación universitaria superior de grao e que permita o acceso aos estudos oficiais de máster universitario de acordo co establecido no Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establecen a organización do ensino universitario e o procedemento de aseguramento da súa calidade: i. Título universitario oficial de graduada ou graduado español; ii. Títulos procedentes de sistemas educativos que non formen parte do EEES, que equivallan ao título de grao. Así mesmo, é imprescindible acreditar un mínimo de 240 ECTS en todos os casos. A titulación pódese obter e acreditar ata o fin do prazo de solicitude. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español antes de que finalice o prazo de presentación de solicitudes. Polo que se refire aos títulos de máster, non se require que estean homologados.

4. Coñecementos de inglés (falado e escrito). Esta capacidade acreditarase mediante a realización dun exame en que os aspirantes deberán demostrar, como mínimo, o nivel B2 do marco común europeo de referencia para as linguas. Os aspirantes que non comparezan ou non acaden o nivel mínimo B2 na proba de inglés quedarán excluídos do proceso de selección. Opcionalmente, os candidatos, ademais de examinárense de inglés, poderán indicar na solicitude ata tres idiomas adicionais dos que queiran examinarse, co fin de ter máis puntos no baremo. Os idiomas adicionais dispoñibles son chinés, alemán e francés. A presentación a probas adicionais de idiomas implica a preferencia e a obriga á hora de escoller destinos no estranxeiro.

5. Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007 para ser considerada persoa beneficiaria de subvencións.

6. Non ter gozado con anterioridade dunha bolsa do Igape relacionada coa internacionalización empresarial. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aquelas persoas solicitantes que fosen adxudicatarias deste tipo de bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade ou lles fose determinado un incumprimento total.

7. Non ter gozado dunha bolsa concedida por outros organismos distintos do Igape, relacionada coa internacionalización empresarial ou con prácticas en empresas fóra de España. Exceptúanse as bolsas de estudos desfrutadas durante os anos escolares ou universitarios.

8. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. O cumprimento deste requisito acreditarase cubrindo no formulario electrónico a declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11.h) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.