• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Nace "Compostela Móvese pola Economía de Proximidade" cunha liña de produción e distribución de produto de horta

Data de escritura

A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e Xosé Manuel Durán e Emilio Arias, da Asociación Non é o mesmo, presentaron hoxe o programa piloto Compostela Móvese pola Economía de Proximidade, que se inicia cunha liña de formación específica en materia de horticultura biolóxica profesional que anime a persoas con capacidade de produción hortícola a profesionalizar a súa actividade para facer da mesma unha liña de ingresos económicos para o núcleo familiar, ao tempo que se mellora a introdución no mercado de produtos de horta en Compostela de produto local.

A partir do 18 de maio realizaranse tres cursos de "Horticultura biolóxica profesional e economía de proximidade" nos centros cívicos de Enfesta, Marrozos e O Castiñeiriño, de 66 horas de duración cada un, con titorías personalizadas a todas as persoas participantes e demostracións prácticas das técnicas explicadas en hortas de Compostela.

Nunha segunda fase, este proxecto piloto, que se realizará ao longo dos meses de setembro e outubro, dará a coñecer as oportunidades que ofrece a economía de proximidade a pequenos comercios e establecementos de hostalaría de Compostela mediante a impartición de obradoiros sobre comercio ecolóxico, economía de proximidade, técnicas de venda, innovación e marketing. Por último, tamén dende o Concello, ofrecerase un servizo de asesoría e consultoría ás persoas produtoras e establecementos participantes nas formacións para acompañar a introdución da economía de proximidade nos seus negocios.

Este proxecto piloto foi deseñado coa colaboración da Asociación Non é o mesmo, que ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia, en especial das áreas rurais, a través da innovación, a cultura ecolóxica e a transferencia de coñecemento. Esta asociación de persoas xorde tras a participación de varios establecementos comerciais da cidade na terceira edición do programa municipal Con B de Barrio, que ten como obxectivo fomentar proxectos de dinamización comercial nos que prime a cooperación entre establecementos comerciais da mesma ou de diferente actividade e así favorecer o asociacionismo, crear sinerxías e redes colaborativas de negocio, buscando beneficios compartidos derivados da confluencia de intereses.

As persoas interesadas en participar nas accións formativas de horticultura biolóxica poderán inscribirse na web do Cersia (www.cersiaempresa.gal) a partir do día 3 de maio. Terán preferencia na admisión aquelas persoas emprendedoras no ámbito da produción agroalimentaria, así como aquelas que teñan horta en explotación na actualidade aínda que non sexa con fins comerciais. A inscrición para as accións formativas para comercio e hostalaría abrirase no mes de setembro.

Compostela Móvese e desenvolvemento rural
O programa Compostela Móvese ten como principal obxectivo "apoiar un modelo de desenvolvemento económico local endóxeno, cooperativo e asentado na identidade e na historia do territorio no que se produce. Buscamos asentar os procesos de mellora empresarial e emprendemento nos valores diferenciais do tecido socioeconómico do concello, contribuíndo con cada iniciativa a conquerir os obxectivos deseñados".

Destacan entre os obxectivos xerais e específicos do mesmo programa os de "outorgar máis peso no modelo económico aos sectores produtivos, recuperando aqueles do ámbito primario e manufactureiro que hoxe corren o perigo de desaparecer e valorizando a súa importancia e capacidade de contribuír ao desenvolvemento da economía de proximidade no municipio" e o de "impulsar e fortalecer a economía no rural aproveitando a proximidade á cidade".

Este proxecto piloto Compostela Móvese pola Economía de Proximidade nace para dar cumprimento a estes obxectivos reforzando ademais os marcados no marco da estratexia EDUSI ReVive Compostela, nos programas de fomento de hortas urbanas e no Festival Internacional da Economía e Cultura Rural 2018-2019 (FICRURAL), aprobado en Xunta de Goberno Local de 9 de novembro de 2018 e que celebrará no mes de xuño en Santiago. Este programa busca converter a Compostela na capital da economía e cultura rural e alternativa de Galicia, integrando nun só programa de acción municipal distintas políticas e eventos de apoio á cultura e economía lugar, apostando pola integración urbano-rural de Compostela, non só co seu entorno rural máis inmediato, senón co conxunto do rural galego.