SUBVENCIONS PARA O FINANCIAMENTO DE ACCIONS FORMATIVAS CON COMPROMISO DE CONTRATACION
Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade
ORDE do 13 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para o período 2023-2025 e se procede á primeira convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva para o financiamento de accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas, para o exercicio 2023 (código de procedemento TR301P).
As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación con compromiso de contratación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras desempregadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora das competencias profesionais necesarias para o desempeño dos postos de traballo obxecto da contratación.
Serán subvencionables ao abeiro do disposto nesta orde, e nos termos establecidos no artigo 28 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, as accións formativas para o emprego con compromiso de contratación na Comunidade Autónoma de Galicia, que garden relación coa actividade empresarial das entidades solicitantes e estean incluídas no Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal no marco do Sistema de formación para o emprego no ámbito laboral.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Ficha da acción formativa (anexo II).
b) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito). c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude no nome e representación da agrupación, no caso de agrupacións temporais de empresas.
d) Copia da documentación de constitución da entidade solicitante ou dos estatutos sociais debidamente legalizados.
e) Memoria técnica explicativa do compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vencelladas ao proxecto presentado, que deberá incluír a información detallada no artigo 5.4 desta orde.
f) Para todas as especialidades, agás no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para impartir a especialidade formativa, relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento, así como unha descrición das aulas e talleres, indicando os seus metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde estea previsto impartir a formación.
g) No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas, deberá achegarse:
• Documento de constitución da agrupación, en que deberá constar a persoa designada como representante desta.
• Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta que incluirá os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, o período de vixencia da agrupación que, como mínimo, deberá ser o do tempo de duración da acción ou accións formativas, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias.
• Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.
• Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo IV).
h) Cando se soliciten especialidades formativas non incluídas no Catálogo de especialidades formativas a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación que a seguir se referencia, nos termos recollidos na Orde TMS/283/2019, do 12 de marzo, pola que se regula o Catálogo de especialidades formativas no marco do Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.
• Solicitude de alta da nova especialidade formativa. • Proposta de programa formativo.
• Ficha coa proposta da nova especialidade formativa. • Informe motivado da necesidade de dar de alta a nova especialidade formativa no Catálogo de especialidades formativas.
Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación, que adquiran, no marco da actividade subvencionada, o compromiso de contratación das persoas traballadoras aprobadas e/ou formadas ao que se refire esta orde.
As beneficiarias deberán dispor, ben por si mesmas ou mediante acordo cunha entidade de formación, do equipamento e instalacións no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a impartición das especialidades formativas solicitadas no seu programa formativo, así como dos recursos humanos requiridos de acordo coa normativa reguladora.
As empresas beneficiarias desenvolverán as accións formativas utilizando os medios de execución propios ou contratados establecidos no artigo 20.
Cando, atendendo ao disposto no artigo 9.1.h) desta orde, se soliciten especialidades formativas ou itinerarios formativos non incluídos no Catálogo de especialidades formativas, a inscrición deberá formalizarse, caso de que se autorice a solicitude, con anterioridade ao comezo da acción formativa.